O piragüismo nacional poñerase en marcha en Pontevedra en agosto

Pontevedra
17 de xuño 2020

Na segunda quincena de agosto o encoro de Verducido acollerá a Copa de España Júnior de distancias olímpicas, mentres que o Campionato de España de Sprint Olímpico que ía celebrarse no mesmo escenario segue aínda pendente de nova data

Campionato de España de Novas Promesas de Piragüismo no Pontillón
Campionato de España de Novas Promesas de Piragüismo no Pontillón / Diego Torrado

Aos poucos o desxeo vai chegando ás competicións deportivas. Á marxe do fútbol profesional que xa leva unha semana en marcha, o resto de federacións aproveitan a finalización do estado de alarma en todo o país previsto para o 22 de xuño para reaxustar os seus calendarios. É o caso da Real Federación Española de Piragüismo, que, á espera das datas oficial das probas internacionais, ten xa pechado o programa nacional, que comezará no encoro de Verducido na segunda quincena de agosto coa Copa de España júnior de distancias olímpicas.

Este evento estaba previsto para o 16 e 17 de maio e foi suspendido pola pandemia da Covid-19. Para adaptarse ás novas normas sanitarias, desde a RFEP informan que a partir de agora "as competicións non serán masivas", razón pola que decidiron separar as cateogrías inferiores das sénior.

Con todo, nada especifican desde a Real Federación Española dun dos grandes eventos deportivos que ía acoller Pontevedra este verán. O campionato de España de Sprint Olímpico previsto para os primeiros días de agosto segue sen data. Desde a Federación aseguran que se manterán as sedes designadas para este ano e que estudarán o encaixe das competicións estatais co calendario internacional.

As datas definitivas propoñeranse á Comisión delegada unha vez se teña pronunciado a ICF e a ECA, remarcan desde a federación, que propoñerá á dirección técnica o emprego como selectivos para os campionatos de Europa ou do Mundo os resultados das Copas de España e os resultados do 2019 dos campionatos de España.

Para facilitar aos clubs e federacións autonómicas a organización dos seus eventos, desde a RFEP comprométense a trasladar canto antes a información e as pautas para seguir para pechar os orzamentos e as datas das competicións. Neste sentido, prometen abordar nunha reunión prevista para este venres a revisión de todos os programas, horarios e modificacións das bases de competición.