O piragüismo galego reinicia a súa actividade cunha regata para a base en Verducido

Pontevedra
01 de xullo 2020

O encoro de Pontillón do Castro será escenario o vindeiro sábado 4 de xullo da primeira competición da era post-coronavirus

Regata da Liga Provincial de Piragüismo
Regata da Liga Provincial de Piragüismo / Federación Galega Piragüismo

Case catro meses despois o piragüismo pontevedrés e galego retoma a actividade de maneira oficial cunha dobre cita competitiva.

Un dos escenarios que acollerá o regreso á competición será o encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, que acollerá unha regata para categorías de base.

En concreto na pista do encoro pontevedrés celebrarase o vindeiro sábado 4 de xullo a I Regata da liga Provincial para as idades prebenxamín, benxamín e alevín.

Na súa última asemblea ademais de aprobar un calendario de eventos provisional, a Federación Galega de Piragüismo presentou un protocolo que todos os promotores deberán de adaptar a lugares e instalacións nas que se vaia a celebrar unha competición, con indicacións sobre como tratar o material ou indicacións a seguir en quecementos e quendas cronometradas.

En canto á regata provincial en Verducido, dividirase en dúas, con quenda matinal para prebenxamíns e benxamíns e competición en horario de tarde para alevíns A e B.