O play-off do Arosa, aprazado por un positivo por covid no Choco

O Salnés
25 de maio 2021

Aínda que o conxunto de Vilagarcía non entrará en xogo ata as semifinais, a suspensión do choque de cuartos de final entre o Choco e o Somozas atrasa polo menos unha semana o resto da fase de ascenso á Segunda RFEF

Rafa Sáez, nun partido entre o Arosa e o Ribadumia na Lomba Cristina Saiz

Novo aprazamento na Terceira División que afecta os plans do Arosa.

O conxunto arlequinado xa se viu obrigado a esperar para xogar o seu partido da última xornada fronte ao Somozas, na que se asegurou contar con vantaxe de campo no play-off de ascenso á Segunda RFEF, e agora a súa eliminatoria de semifinais da fase de ascenso foi posposta.

O motivo é o positivo por covid detectado nun xogador do Choco, que este domingo 30 de maio debía enfrontarse ao Somozas nun dos partidos de cuartos de final e que foi aprazado "a unha nova data o máis próxima no tempo que se determinará por este órgano tan pronto como se acrediten todas as circunstancias que permitan a disputa do mesmo", sinala na súa resolución a Real Federación Española de Fútbol.

Os de Vilagacía non tiñan previsto entrar en xogo ata as semifinais o 6 de xuño, aínda que agora esa cita non poderá celebrarse ata que se poida completar o Somozas-Choco.

O Arosa deberá enfrontarse a un dos vencedores do Somozas-Choco ou Alondras-Estradense, eliminatoria esta que si se mantén para o 30 de maio. Concretamente os de Rafa Sáez mediranse ao equipo con peor clasificación na segunda fase da liga, por iso é polo que é necesario agardar a evolución do caso de covid detectado nun dos participantes do play-off.