O Poio Pescamar cae en Móstoles cun gol no último suspiro (3-2)

Poio
04 de marzo 2017

No último minuto, con empate no marcador, Ceci dispuxo dunha gran ocasión para decidir o encontro en favor das vermellas, pero enviou o balón á madeira e na contra o que marcou o gol do triunfo foi o Móstoles

Partido entre Poio Pescamar e Móstoles na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Móstoles na Seca / Diego Torrado

A piques estivo o Poio Pescamar de regresar de Móstoles cun importante triunfo, pero a fortuna foi esquiva ás pontevedresas, que terminaron cedendo a escasos segundos do final.

O encontro foi igualado e emocionante desde o inicio, nunha primeira metade de alternativa e ocasións na que tanto Silvia como a gardameta local, Ana Etayo, erixíronse en protagonistas para chegar ao decanso con empate sen goles.

O partido cambiou na segunda metade, porque o Poio aproveitou unha das súas primeira ocasións tras a pausa para adiantarse, cun gol de Jessy.

Celia nunha xogada de estratexia logrou o empate na seguinte acción pero Ale de Paz volvía poñer en vantaxe ás vermellas aos 30 minutos. O choque estaba a favor ata que as madrileñas apostaron polo xogo de cinco e obtiveron premio a falta de 4 minutos.

Co 2-2 a vitoria puido caer para calquera dos dous bandos. Tívoo na man o Poio no último minuto, cun remate de Ceci ao poste, pero o que podía o gol do triunfo pontevedrés converteuse na acción decisiva para as locais, que na contra fixeron o definitivo 3-2.

FSF MÓSTOLES (3): Ana Etayo, Patri Chamorro, Rocío, Celia, Inma -cinco inicial- Beth, María Otero, Ballesteros, Carmen Alonso.

POIO PESCAMAR (2): Silvia; Jenny Lores, Ale de Paz, Jessy -cinco inicial- Charo, Suki, Carolina, Ceci

Árbitros: Alonso Sanz e Rubio González- Amoestaron a Patri Chamorro no Móstoles e a Jenny Lores no Poio.

Goles: 0-1 Jessy (min.24), 1-1 Celia (min.25), 1-2 Ale de Paz (min.30), 2-2 Celia (min.36), 3-2 Inma (min.39).

Incidencias: Partido de liga disputado no pavillón Villafontana de Móstoles ante preto de 300 espectadores.