Unha auténtica tortura está a ser para o Poio Pescamar a situación ocasionada no equipo polo gromo de Covid detectado tras disputar a Supercopa de España en Burela, o pasado 9 de xaneiro.
Desde entón o conxunto conserveiro non volveu a adestrar, e segue sen facelo ao demorarse máis do previsto as probas PCR de control ás xogadoras afectadas tras completar o período de confinamento estipulado.
Sen o resultado dalgunhas das probas, o Poio vai cancelando sesións de adestramento mentres se achega a data do partido de liga fronte ao Cidade das Burgas, fixado para o vindeiro sábado 30 de xaneiro e que, en teoría, ía supoñer o regreso das vermellas ás canchas.
Ante esta situación, desde a entidade solicitouse á Real Federación Española de Fútbol retrasar uns días o partido en Ourense, e que pase a celebrarse a mediados de semana, atopándose á espera de resposta a tal solicitude.
Desde o Poio Pescamar cren que sería a mellor opción para preservar a saúde das futbolistas, que chegarían ao partido sen adestrar en varias semanas, aínda que se teñen que xogar na data oficial farano.
A pelota está en mans agora do Comité de Competición.
Cabe lembrar que ata a data o brote de Covid no Poio Pescamar supuxo o aprazamento de dúas xornadas de liga, cos partidos ante Leganés na casa e Roldán a domicilio.