O Pontevedra confirma a fichaxe de Antonio Bello

Pontevedra
21 de xaneiro 2016

O xogador, que chega ao club granate procedente do UCAM Murcia para cubrir o lugar deixado por Tubo, será presentado este venres na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón

Antonio Bello, durante un partido co UCAM Murcia

A segunda fichaxe do Pontevedra Club de Fútbol no mercado invernal é xa unha realidade. Trátase de Antonio Bello, que chegou a un acordo para incorporarse ao equipo, segundo informou a entidade granate.

Bello, extremo xerezano de 31 anos, chega procedente do UCAM Murcia do Grupo IV de Segunda B, co que rescindira o seu contrato nas últimas horas.

Aínda que é destro, actuou con asidiudade nas dúas bandas, ademais de na posición de segundo dianteiro.

Antonio Bello ocupará a vacante deixada por Tubo e será presentado este venres na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.

Ao longo da súa carreira xogou en equipos como Alcoyano, Jerez Industrial, Écija e Balompédica Linense.