O Pontevedra repite promocións para a visita do Coruxo a Pasarón

Pontevedra
18 de abril 2017

O Consello de Administración granate mantén as accións para aumentar a asistencia ao estadio regalando unha entrada a cada abonado e repartindo invitacións en colexios da zona. Estas medidas contrastan co prezo das entradas no despacho de billetes para o público xeral, que consolidan a súa subida

Álex González durante o partido entre Pontevedra e Cultural Leonesa Diego Torrado

A só catro xornadas para o final da competición regular e con dous partidos por diante na casa que poden resultar claves para asegurar o play-off, o Pontevedra é consciente da importancia de que Pasarón achegue o seu gran de area e apoie ao equipo para lograr o obxectivo.

Por iso o Consello de Administración granate decidiu manter as medidas de promoción dos últimos encontros para o choque do próximo domingo (17:00 horas) ante o Coruxo, coa intención de seguir aumentando a asistencia de espectadores.

Desta forma os abonados do Pontevedra poderán retirar unha vez máis unha invitación gratuíta para un acompañante na súa mesma bancada e mercar outra entrada co 50% de desconto. Esta promoción poderase facer efectiva só ata as 19:00 horas do venres nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.

Ademais completarase a acción entregando invitacións nos colexios da zona.

Estas medidas contrastan coa subida de prezos nas entradas para o partido, que se consolidan por segunda xornada consecutiva nos 25 euros en Tribuna, 20 en Preferencia e 15 euros nos fondos. Con todo, se se adquiren en venda anticipada, ata o venres, contarán cun desconto  de 5 euros. No caso dos afeccionados en idade xuvenil e infantil, o prezo para ver o partido será o habitual (5 e 3 euros respectivamente).