O Pontevedra Rugby Club dá o salto á División de Honra B Feminina: "é unha gran oportunidade"

Pontevedra
15 de decembro 2020

O conxunto pontevedrés ocupará a praza que deixou vacante o Murralla lugués na segunda categoría nacional. "É un paso adiante para o club", recoñece o seu presidente tras varios anos tentando formar un equipo feminino. Debutará o 10 de xaneiro en casa fronte ao BUC Barcelona

Equipo feminino do Pontevedra Rugby Club que xogará na División de Honra B
Equipo feminino do Pontevedra Rugby Club que xogará na División de Honra B / Pontevedra Rugby Club

Despois dun par de anos tentando impulsar un equipo feminino, o Pontevedra Rugby Club (PRC) deu un salto ao baleiro aproveitando a oportunidade que se lle presentaba para poñer no mapa nacional á cidade de Lérez.

O PRC aceptou a invitación que se lle formulou para ocupar a praza vacante que deixa o Muralla lugués na División de Honra B Feminina, segunda categoría nacional que dará comezo o próximo mes de xaneiro.

"É un paso adiante para o club", recoñece o seu presidente, Félix Álvarez, pero sobre todo "vémolo como unha gran oportunidade, ademais dunha aventura", sinala, a de consolidar un proxecto de rugby feminino no sur de Galicia.

Este salto supón ademais un esforzo económico "xusto o ano no que non tivemos Oktober", explica Álvarez, pero iso non botou atrás no seu empeño o Pontevedra Rugby Club porque "con traballo e moita xestión tentaremos que non sexa  gravoso". Polo momento manexan un orzamento para esta estrutura que vira ao redor dos 30.000 euros.

Ata o de agora nos seus intentos por formar equipo "tiñamos 13 ou 14 nenas e era complicado conseguir mozas", lembra o dirixente, un aspecto que cambiou ao converterse no segundo club por categoría no rugby autonómico feminino, tras o CRAT Coruña que milita no a elite. Agora "están a vir mozas que se fixeron do club desde Vigo, Santiago, Ourense, Vilagarcía, Lalín... e as nosas por suposto, ata o punto de que neste momento temos confirmadas 45 xogadoras".

Con estas vimbias, e baixo a dirección técnica de Joaquín Maguna 'Juaco', o pasado venres 11 de decembro comezaron cos adestramentos presenciais no campo de Monte Porreiro nunha pretemporada contrarreloxo ata o seu debut oficial, o que afrontarán o domingo 10 de xaneiro na casa recibindo na primeira xornada de liga o BUC Barcelona.

Oito equipos compoñen esta campaña a División de Honra B, nunha liga a unha única volta na súa fase regular que  conlcuirá cun descenso de categoría. Evitar esta circunstancia é o obxectivo do Pontevedra Rugby Club, xa que se o conseguen "estou convencido de que hai vimbias para manter un proxecto serio", confirma Félix Álvarez.