O porteiro Javi Santana regresa á SD Teucro dez anos despois

Pontevedra
04 de xullo 2016

Un vello coñecido do Pavillón Municipal volverá vestir as cores da SD Teucro a próxima tempada. Trátase do porteiro canario Javi Santana, que chegou a un acordo co club para que regrese a Pontevedra dez anos despois. Asinou por un ano

Partido entre Teucro e Villa de Aranda no Municipal Diego Torrado

Un vello coñecido do Pavillón Municipal volverá vestir as cores da SD Teucro a próxima tempada. Trátase do porteiro canario Javi Santana, que chegou a un acordo co club para regresar a Pontevedra dez anos despois. Asinou por un ano.

Santana, que militou no conxunto teucrista na campaña 2005-2006, volve ao equipo pontevedrés tras xogar as dúas últimas tempadas no BM Villa de Aranda, equipo co que a pasada tempada finalizou a liga Asobal en sexta posición.

Ademais, a súa fichaxe polo equipo azul supón o seu regreso a Galicia, pois ademais de vestir a camiseta do equipo pontevedrés, Javi Santana tamén militou no Frigoríficos do Morrazo entre 2006 e 2009 e tamén entre 2010 e 2013.

Nas últimas tempadas o veterano porteiro de 36 anos tamén vestiu a camiseta do Anaitasuna, durante a tempada 2013-2014 e do Panserraiko grego, onde xogou na 2009-2010.

"Temos un equipo moi novo pero na portería contratamos madurez e experiencia. Javi Santana ten calidade e moitos anos de voo tanto en División de Honra Prata como na liga Asobal", sinala o técnico da SD Teucro, Quique Domínguez.

O adestrador pontevedrés asegura que "o coñezo ben, é moi profesional e un gran traballador e o seu bo facer viranos moi ben". Santana, segundo Domínguez, "vai achegar oficio e tranquilidade nos momentos importantes da tempada".