O prometedor escalador do Aromon, Xavi Carballo, alcanza o liderado da Copa de España sub 16

Pontevedra
22 de xuño 2021

O novo escalador pontevedrés conseguiu a vitoria na primeira proba da Copa de España celebrada en Madrid a pasada fin de semana

Xavi Carballo, escalador do Aromon
Xavi Carballo, escalador do Aromon

O escalador da Escola Deportiva de Escalada do Club Aromon, Xavi Carballo, fíxose co primeiro posto da Copa de España de Escalada de Dificultade en categoría sub 16 celebrada a pasada fin de semana en Madrid. 

O novo deportista, pertencente ao equipo de Tecnificación da Federación Galega de Montañismo, clasificouse para a fase final despois de quedar terceiro nos torneos clasificatorios. Na final, o pontevedrés foi capaz de impoñerse a escaladores doutras federacións como a valenciana, estremeña ou catalá, nas que a tradición da escalada é moito maior que en Galicia

Con este triunfo, Carballo pasa a liderar a clasificación da Copa de España 2021 coa esperanza de manter o liderado nas dúas próximas probas previstas para Barcelona e Zaragoza. 

Aos seus 14 anos, Xavi Carballo está a demostrar unhas calidades para o deporte da escalada "fóra do común, é un talento neste deporte", din del no seu club. Con todo, o seu reto máis inmediato será o campionato de España de seleccións autonómicas en idade escolar que se celebrará na cidade de Lugo entre o 22 e 25 de xullo.