O que funciona non se cambia. Chega o XXII Medio Maratón de Pontevedra

Pontevedra
18 de outubro 2017

A sala de prensa do Concello de Pontevedra acolleu este mércores a presentación oficial da proba deportiva, que se celebrará o vindeiro domingo 22 de outubro pechando o V Circuíto de Carreiras Populares. Participarán 1.393 atletas

Presentación do XXII Medio Maratón de Pontevedra Mónica Patxot

É unha proba consolidada no calendario deportivo na cidade. O seu percorrido e organización funciona, por iso o mellor é non cambialo.

Con esa máxima celebrarase o vindeiro domingo 22 de outubro a XXII edición do Medio Maratón de Pontevedra, proba que pon o peche ao V Circuíto de Carreiras Populares.

Pechada a inscrición, serán finalmente 1.393 os deportistas que participarán no evento, dos que "o 82% son atletas populares", sinalou o presidente da Sociedad Gimnástica, Ramón Touza.

Desde as 11:00 horas, con saída na ponte dos Tirantes, os participantes afrontarán 21.097 metros de percorrido con dúas voltas a un circuíto urbano que non cambia con respecto á pasada edición e que finalizará na pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Os dorsais poderán recollerse a partir do venres, de 17:00 a 20:30 horas, no Pavillón Universitario. O sábado o horario habilitado será de 10:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:30 horas, mentres o domingo os deportistas de fóra da comarca poderán retirar o seu dorsal de 8:30 a 10:00 horas.

A nivel federado, Akka Essaadaoui, Elías Dimínguez, Bastos Dasilva ou Leticia Fernández atópanse entre os favoritos ao triunfo final, segundo avanzou Touza.

A proba será decisiva ademais na clasificación final do Circuíto de Carreiras Populares, ao contar con puntuación dobre.