O RallyMix Cuntis Vila Termal quece motores para a súa quinta edición

Umia
12 de setembro 2022

A proba, que se celebrará os días 24 e 25 de setembro, contará coa presenza dos pilotos Nil Solans e Sara García

Persentación do V RallyMix Cuntis Vila Termal Escudería Cuntis Vila Termal

Conta atrás para a que será a quinta edición do RallyMix Cuntis Vila Termal.

A proba, consolidada no calendario autonómico, terá lugar os días 24 e 25 de setembro, pero como aperitivo realizou a súa presentación oficial na Biblioteca Municipal Roberto Blanco Torres.

Nil Solans, campión do mundo júnior WRC, e Sara García, piloto internacional que completou sen asistencia o prestixioso Dakar, son dous dos reclamos da competición automobilística. Sara participará en Cuntis a bordo dun Kart Cros do fabricante galego YaCar.

O V RallyMix de Cuntis, organizado pola Escudería Cuntia Vila Termal, contará cun trazado de 12.300 metros cun 70% de terra e un 30% de asfalto e que apenas cambia con respecto a anteriores edicións. Nese percorrido completaranse ata cinco mangas cronometradas, tres o sábado día 24 e outras dúas na matinal do domingo día 25.