O Ravachol estrea unha furgoneta adquirida a través dunha subvención da Xunta

Pontevedra
19 de novembro 2020

O vehículo, valorado en 25.000 euros e financiado polo executivo autonómico nun 80 %, servirá para facilitar os desprazamentos do equipo durante a súa primeira andaina na máxima categoría do bádminton nacional

O Ravachol recibe unha furgoneta de mans do secretario xeral para o deporte, Xosé Ramón Lete Lasa
O Ravachol recibe unha furgoneta de mans do secretario xeral para o deporte, Xosé Ramón Lete Lasa / Mónica Patxot

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra recibiu este xoves de mans do secretario xeral para o deporite, José Ramón Lete Lasa, unha furgoneta para completar dunha forma máis cómoda os desprazamentos do equipo. Adquirida a través dunha subvención para a adquisición de equipamentos deportivos, a Xunta financiou 20.000 dos 25.000 euros nos que está valorado o vehículo.

Os membros da xunta directiva presentes no acto de entrega recibiron a felicitación do secretario polo ascenso conseguido á máxima categoría do bádminton español e destacou o gran momento que atravesa esta disciplica en Galicia, que cultivou un quinto posto no Europeo júnior de Finlandia, así como catro ouros e tres bronces no campionato de España sub 15.

Desde a Xunta lembran que grazas a esta liña de subvencións, un total de 29 entidades deportivas e 10 federacións víronse beneficiadas con axudas para adquirir novos equipamentos por un valor global superior aos 600.000 euros.