O Club Bádminton Ravachol Pontevedra sobrepúxose unha semana máis ás dificultades de tan atípica tempada para participar no Campionato de España Absoluto disputado en Huelva e no Campionato de España Sub-17 en Villanueva de la Vera, Cáceres.
"Está a resultar unha auténtica odisea saír a competir cada fin de semana sen apenas poder adestrar, levamos disputados catro Campionatos de España e cinco autonómicos sen dispoñer de instalacións e así é imposible pedir máis. Á marxe dos deportistas que temos bolseiros no CGTD, que están a adestrar con normalidade, non temos posibilidades de facer adestramentos en pista máis aló de improvisacións ou favores puntuais. Perdemos varias oportunidades enormes de traer medallas nacionais a Pontevedra debido a esta situación e iso nos entristece moito", recoñece sobre a situación o director deportivo do equipo pontevedrés, Jesús Pereiro.
A pesar diso a fin de semana adornouse cunha medalla nacional, o bronce conseguido en categoría absoluta por Manuel Brea, formando parella en dobres co asturiano Alberto Zapico.
Pola súa banda Raquel Miguens e Martín Barbado quedaron ás portas das medallas en dobres feminino e dobres masculino respectivamente, caendo en cuartos de final.
En canto á competición Sub-17 Natalia Murio foi a representante pontevedresa, partindo como cabeza de serie no dobres mixto. Con todo, a parella non conseguiu pasar dos cuartos de final.