O Ribadumia estrea o ano con derrota fronte o Ourense CF (2-4)

O Salnés
10 de xaneiro 2021

O campo da Senra volveu abrirse esta fin de semana para celebrar o primeiro encontro despois das vacacións de Nadal. Ribadumia e Ourense CF, rivais directos na clasificación, víronse as caras este domingo para disputar o primeiro partido da segunda volta e que finalizou con vitoria ourensá por 2-4

Partido entre Ribadumia e Ourense CF Ourense CF

O campo da Senra volveu abrirse esta fin de semana para celebrar o primeiro encontro despois das vacacións de Nadal. Ribadumia e Ourense CF, rivais directos na clasificación, víronse as caras este domingo para disputar o primeiro partido da segunda volta e que finalizou con vitoria ourensá por 2-4.

Tomouse o desquite moi en serio o conxunto ourensán que foi por diante en todo momento aínda que dando opción a reaccionar ao Ribadumia, que contaba coa baixa de Charles que cumpría sanción pola súa expulsión ante o Arosa.

Tardou en adiantarse o Ourense. Non foi ata o minuto 24 cando deron o primeiro golpe. Andoni foi o encargado de bater a portería de Roberto Pazos e poñer aos seus en vantaxe.

Reaccionou ao momento o conxunto aurinegro cun gol de Hugo que devolveu as táboas na Senra.

Parecía que ao descanso chegaríase en empate pero foron os visitantes os que inclinaron a balanza ao seu favor antes do paso polos vestiarios. Esta vez foi Lorenzo o que se fixo co esférico para envialo ao interior da rede local.

Tras o intermedio continuou o dominio visitante cun Ourense firme que parecía que deixaba sentenciado o duelo grazas ao segundo gol na conta de Andoni.

O 1-3 lucía no marcador da Senra pero aínda quedaba tempo para outra reacción do Ribadumia. Non tiraron a toalla os de Luís Carro que recortaron distancias no minuto 83 cun gol de Moncho Fontán que daba esperanzas ao equipo e complicaba a vitoria a un Ourense mentalizado en levar os tres puntos a casa.

O duelo chegaba ao seu fin e o partido estaba no aire. Con todo, foi o equipo visitante o que volveu golpear para terminar de rematar a tarde de fútbol na Senra. De novo Andoni, o heroe ourensán aparecía para selar o seu hat- trick e con el, a vitoria do Ourense.

Con este resultado o Ribadumia descende ata o sétimo posto e o Ourense ascende ata o quinto, a dous puntos do Barco.

Consulta a acta do Ribadumia-Ourense