O Squash Pontevedra inicia a tempada con boa nota

Pontevedra
01 de febreiro 2017

O club pontevedrés foi un dos grandes protagonistas do Campionato Galego Sub-11, Sub-15 e Sub-19 celebrado en Santiago de Compostela

Pablo Quintana e Gonzalo Romero, deportistas do Squash Pontevedra Squash Pontevedra

Se hai uns días Pablo Quintana arrincou a tempada cun bronce no Campionato de España de squash celebrado en Palencia, o seu club non quedou atrás na súa primeira gran competición do ano, o Campionato Galego Sub-11, Sub-15 e Sub-19.

En Santiago de Compostela o club pontevedrés foi un dos grandes protagonistas coleccionando medallas nas diferentes categorías.

O propio Pablo Quintana proclamouse campión autonómico Sub-19 ao vencer na final ao tamén pontevedrés Gonzalo Romero, por tres sets a cero. Na mesma categoría Sergio Puga obtivo a sétima praza. Pola súa banda, tamén en idade Sub-19, Silvia Nogueira alcanzou a cuarta posición final.

Tamén houbo medallas na menor das idades, a Sub-11, con final pontevedresa en categoría masculina entre Iago González e Pablo Caínzos, decantándose en favor do primeiro por tres sets a cero, mentres que Ángel Centeno foi sexto, Antonio Rey sétimo e Luís Centeno oitavo.

Completaron a representación do Squash Pontevedra, en Sub-15, Pepe Campos (décimo), Miguel Jiménez (undécimo), Pablo Martín (duodécimo) e Andrés Vázquez, que se retirou por lesión cando loitaba pola quinta praza.