O tenis de mesa pontevedrés fai historia coa disputa do primeiro derbi local na División de Honor

Pontevedra
04 de outubro 2022

Os equipos femininos do TM Monte Porreiro e do TM Pontevedra, entidade creada este verán coa colaboración do cadro que leva o nome do barrio pontevedrés, enfrontáronse na primeira xornada de liga nun encontro que se decantou do lado das debutantes

Primeiro derbi pontevedrés disputado entre os equipos femininos do TM Monte Porreiro e do TM Pontevedra
Primeiro derbi pontevedrés disputado entre os equipos femininos do TM Monte Porreiro e do TM Pontevedra / TM Monte Porreiro

A canteira do tenis de mesa pontevedrés é inesgotable. O equipo de Monte Porreiro xa contaba con dous equipos sénior masculino e feminino na categoría máis alta e no segundo banzo competitivo do país respectivamente.

Esta tempada deron un paso máis e, para dar saída a todo o talento que tiña entre as súas filas, o club colaborou na creación dunha nova escuadra feminina, o Tenis de Mesa Pontevedra, que este ano comezou a competir en División de Honra, a segunda categoría do tenis de mesa nacional.

A competición non puido empezar dunha forma máis especial, pois o calendario deparou na primeira xornada o primeiro derbi pontevedrés da historia. A vitoria levoulla o club recentemente creado sobre o Visit Pontevedra por 2 a 4, pero o resultado é o de menos. 

"Foi un día fantástico, un partido súperbonito porque fixemos unha presentación moi chula, cos presidentes dos dous clubs do deporte feminino e no que as xogadoras saíron coas nenas pequenas do club da man á cancha. Ademais fixemos un torneo amigable con menores que viñeron de Narón, Meaño e Vigo. Quedou moi bonito", expresa aínda emocionado Nando Álvarez, directivo do TM Monte Porreiro.

No plano estritamente deportivo, o duelo saldouse con vitoria das debutantes na categoría. Judith Cobas venceu a Noelia Santiago nun moi igualado primeiro encontro da mañá para adiantar ás visitantes, igualou a contenda Claudia María Canay para o TM Monte Porreiro cun cómodo triunfo sobre Mariña García.

Con todo, as vitorias de Laura Fortes e Judith Cobas sobre Noa Bernárdez e Claudia María Canay puxeron en cómoda vantaxe ás debutantes. Recortou distancias Noelia Santiago derrotando a Laura Forte, pero o TM Pontevedra certifcou a súa vitoria cun triunfo no duelo decisivo entre Mariña García e Noa Bernárdez, que se decantou do lado da primeira por un axustado 3-2 en xogos.