O tenis galego prepara unha homenaxe a Lourdes Domínguez no Pazo da Cultura

Pontevedra
10 de xaneiro 2017

A tenista pontevedresa recibirá unha homenaxe por parte da federación autonómica na Gala do Tenis Galego que se celebrará o vindeiro sábado 14 de xaneiro en Pontevedra. O Casino Mercantil súmase á semana tenística na cidade acollendo do 12 ao 14 do Master Galego Absoluto 

Presentación da Gala do Tenis Galego e o Master Absoluto Mónica Patxot

Por segundo ano consecutivo Pontevedra converterase durante unha semana na capital do tenis galego coa disputa do Master Absoluto e a Gala do Tenis organizada pola Federación Galega.

Na gala anual a protagonista será Lourdes Domínguez Lino, recentemente retirada do deporte profesional tras unha longa traxectoria internacional que a levou a ser considerada a mellor tenista galega da historia.

Lourdes recibirá o agarimo de xogadores, directivos e representantes dos clubs nun acto que se celebrará o vindeiro sábado 14 de xaneiro (18:30 horas) no Pazo da Cultura.

Ademais, segundo confirmou Chisco Pardo en representación da Federación Galega, "a partir de este año el premio a la mejor jugadora del año llevará el nombre de Lourdes Domínguez".

MASTER GALEGO ABSOLUTO

A semana tenística na cidade completarase coa disputa do Master Galego Absoluto nas pistas do Casino Mercantil, entre os días 12 e 14 de xaneiro.

Na cita reuniranse os 16 mellores xogadores autonómicos en categorías masculina e feminina segundo o ránking galego de 2016.

A competición terá lugar nas pistas cubertas das que dispón o Mercantil, con entrada de balde para o público, estando previstos os partidos de oitavos de final o día 12 de xaneiro, os de cuartos de final o día 13 e as semifinais e final o sábado 14 de xaneiro.