O Teucro avanza a semifinais da Copa Galicia tras vencer o Xiria (19-27)

Pontevedra
24 de agosto 2014

Os azuis impuxéronse ao equipo de Carballo nun partido máis igualado do que reflicte o marcador final. O próximo mércores, triangular no Municipal ante o mesmo Xiria e o ABC Braga portugués

Un momento do partido de Copa Galicia entre Teucro e BM Pontevedra
Un momento do partido de Copa Galicia entre Teucro e BM Pontevedra / Diego Torrado

As semifinais da Copa Galicia de balonmán esperan o Teucro despois de que os azuis dobregasen o Xiria de Carballo por un claro 19-27.

Non obstante o encontro, que serviu para avanzar na preparación do equipo de cara ao inicio da División de Honra Prata, foi máis igualado do que reflicte o marcador final, pois os carballeses mantiveron o tipo durante 45 minutos (15-15).

Os de Quique Domínguez só conseguiron abrir brecha no electrónico no tramo final para seguir vivos na competición.

O técnico lerezano valorou positivamente o esforzo ao entender que "partidos igualados y duros como éste son muy buenos en este periodo de preparación. En la liga habrá muchos y es bueno ir acostumbrándose a jugarlos", sinalou Domínguez.

Pola súa banda o lateral teucrista David García Pichel recoñeceu que "aún debemos mejorar mucho más para ser competitivos. Tenemos mucho margen de mejora".

O próximo mércores 27 o Pavillón Municipal dos Deportes vivirá un novo compromiso teucrista de pretempada coa celebración dun triangular no que tamén participarán o propio Xiria de Carballo e o ABC Braga portugués.