O Teucro rubrica título en Palma del Río (27-27) nun partido tolo

Pontevedra
29 de abril 2017

Coma se o guión fose escrito por un mestre do suspense. Palma del Río e Teucro brindaron un partido tolo, cheo de alternativas, que puido gañar calquera e que ao final terminou cun xusto empate que serve aos galegos para referendar o seu título de campión, precisamente na pista do rival que estivo máis preto de disputarlle o título

Partido entre Palma del Río e Teucro no Pandero PontevedraViva

Coma se o guión fose escrito por un mestre do suspense. Palma del Río e Teucro brindaron un partido tolo, cheo de alternativas, que puido gañar calquera e que ao final terminou cun xusto empate que serve aos galegos para referendar o seu título de campión, precisamente na pista do rival que estivo máis preto de disputarlle o título.

Tras recibir a homenaxe dos cordobeses, que fixeron corredor aos campións na súa saída á pista do Pandero, o Teucro comezou irresistible, superando aos locais de forma clara ata o punto de poñerse sete arriba (5-12) aos 21 minutos de partido.

Aí comezou a reacción local. Palma del Río entoouse e cun parcial de 8-4 chegou ao descanso moi preto (13-15).

Non quedarían aí os andaluces. Os comezos da segunda parte non facían presaxiar nada bo para o Teucro, a pesar da boa actuación de Javi Santana. De novo era Palma del Río quen mandaba e culminaba a remontada con outro parcial demoledor de 7-1 nos primeiros cinco minutos, situando no marcador un inquietante 20-16.

Sería a quenda para os de Quique Domínguez, que recuperaron sensacións, metendo o partido nunha dinámica de igualdade total para conseguir empatar (24-24) a falta de 8'35".

Logo sucedéronse as vantaxes mínimas de Palma del Río, inmediatamente neutralizadas polos galegos, que con goles de Samu Gómez e Óscar Silva adiantábanse (26-27) cando só quedaban dous minutos. Fallou o seu ataque o cadro cordobés e o Teucro puido sentenciar, pero non acertou e Palma del Río aproveitou para empatar na última acción do partido (27-27).

Consulta aquí o acta do partido Palma del Río-Teucro.