O Teucro vence con solvencia ao Atlético Novás (32-22) no seu segundo partido de pretempada

Pontevedra
15 de agosto 2015

Os azuis adxudicáronse o Trofeo Concello de Baiona nun partido no que se impuxo o alto ritmo marcado polo equipo de Quique Domínguez

Quique Domínguez dirixindo un partido do Teucro
Quique Domínguez dirixindo un partido do Teucro / Diego Torrado

Paso adiante do Teucro no seu segundo compromiuso amigable de pretempada, xogado este venres en Baiona ante o Atlético Novás de Primera Nacional (32-22).

Os de Quique Domínguez demostraron que empezan a coller a forma impoñendo un alto ritmo ao encontro que os do Rosal non puideron seguir.

Só durante os primeiros 10 minutos (8-7) o choque se mantivo igualado, pero ao descanso a renda azul xa era de seis goles (17-11).

O partido serviu ademais para comprobar o acoplamento das catro fichaxes, que gozaron de minutos, sendo Arkait Piriz o máis acertado deles en ataque con catro tantos, polos tres de José Manuel Rial e os dous de Balenciaga.

Ademais Gonzalo Carró xa participou co equipo tras sumarse aos adestramentos esta semana, recén chegado da súa participación con Arxentina no Mundial Júnior.

Este sábado o Teucro xogará un novo amigable, en Meaño ante o Aguas Santas portugués.