Despois dun sobresliente sprint final de ano, que lle levou a pechar a primeira volta como líder en solitario da División de Honra Prata, o primeiro equipo da Sociedad Deportiva Teucro goza estes días dunhas merecidas vacacións.
Os azuis non volverán aos adestramentos ata o próximo 3 de xaneiro para preparar a volta á competición, que se producirá o día 14 ante outro dos aspirantes ao ascenso, o Zamora.
Para chegar en óptimas condicións á cita e con ritmo competitivo, o club pontevedrés pechou dous encontros amigables nos primeiros días do ano.
O primeiro deles disputarase o día 7 en Maia, Portugal, e o segundo terá un punto exótico, ao tratarse da Selección Xaponesa absoluta.
O Teucro recibirá á selección nipoa no Pavillón Municipal dos Deportes o luns 9 de xaneiro, nun horario aínda por confirmar. Será unha proba de nivel para ambos os equipos, xa que só dous días despois arrinca en Francia o Mundial de balonmán no que Xapón enfrontarase, na fase de grupos, á selección anfitrioa, Polonia, Rusia, Brasil e Noruega.