O tiro con arco aterra en Lérez co XIV Trofeo Federación

Pontevedra
15 de maio 2019

A competición, organizada polo club Arco Teucro, terá lugar durante o sábado 18 de maio no campo de fútbol Raimundo Piñeiro de Lérez

Presentación do XIV Trofeo Federación de tiro con arco Nacho Fuentes

O campo de fútbol de Raimundo Piñeiro, en Lérez, cambia de actividade e pásase ao tiro con arco.

Alí celebrarase o vindeiro sábado 18 de maio o XIV Trofeo Federación Xunta de Galicia de arco recurvo, arco composto e arco adaptado, baixo a organización da Federación Galega de Tiro con Arco e o club Arco Teucro.

Na cita participarán 92 arqueiros, 28 deles menores de 14 anos e algúns de gran traxectoria, como o campión nacional na modalidade de persoas invidentes, Adrián Orjales, ou o deportista paralímpico Guillermo Javier Rodríguez.

A competición iniciarase ás 9:00 horas da mañá coas probas de categorías inferiores, e terá continuidade pola tarde coa categoría absoluta.

Á presentación do trofeo, celebrada este mércores no Concello de Pontevedra, acudiron entre outros a presidenta do Arco Teucro, Mercedes Gulín, o vicepresidente da Federación Galega, Elías Méndez e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.