Despois de dúas xornadas consecutivas sen gañar, o Tenis de Mesa Monte Porreiro conseguiu cortar a mala serie reencontrándose coa vitoria á conta dun CTT Olot que tivo as súas opcións.
De feito, foi precisamente o conxunto catalán o que se fixo co primeiro punto en xogo tras superar Yaroslav Shmudenko a Miguel Ángel Vílchez por 3-1.
Con todo, o cadro pontevedrés repúxose do golpe e reaccionou a tempo para devolver a igualdade por medio dun Bentancor que superou no quinto xogo a Arnau Pons.
Co empate no marcador e todo por decidirse chegou a quenda de André Silva, que sentenciou por 0-3 a Niagol Stoyanov para así voltear o resultado e poñer ao Visit Pontevedra por diante por primeira vez no duelo.
Tentou o conxunto local volver sorprender aos pontevedreses e a punto estivo de conseguilo por medio de Zhmudenko, que forzou o quinto xogo fronte a un Bentancor que aguantou a arremetida para poñer o 1-3 no luminoso e asegurar a vitoria.
Xa no último enfrontamento, o Tenis de Mesa Monte Porreiro conseguiu asinar o 1-4 final co triunfo de Vílchez sobre Stoyanov que, de novo, decidiuse na quinta manga.
Grazas a esta vitoria, o conxunto pontevedrés asegúrase a cuarta praza da Superdivisión Masculina a falta de dúas xornadas por disputarse.