Pontevedra e o tríatlon de alto nivel volverán estar unidos en 2016. Así se desprende do calendario de competicións que fixo público este luns a Federación Española de Tríatlon e que reserva dúas importantes probas para a cidade do Lérez.
Tras a celebración este ano dos campionatos de España de tríatlon sprint e de acuatlon, os responsables do organismo federativo concederon a Pontevedra a Copa do Rei e o Campionato de España de tríatlon por relevos. Celebraranse os días 21 e 22 de maio.
Ambos os dous eventos celebráronse este ano en Oropesa do Mar (Castellón).
A Copa do Rei de tríatlon é unha proba por equipos que se disputa sobre distancia sprint, polo que os participantes deben completar 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e cinco quilómetros de carreira a pé.
Durante a xornada celébranse tres probas diferenciadas, unha competición elite onde só poderá haber representación dun equipo por club, outra aberta para o resto dos equipos e unha terceira escolar.
Ao día seguinte celébrase o Campionato de España de tríatlon por relevos que poñerá en xogo o título tamén nas mesmas categorías -elite, open e escolar-. Esta proba dispútase en equipos de tres compoñentes. Cada un deles fai un pequeno tríatlon de 300 metros de natación, oito quilómetros de ciclismo e dous quilómetros de carreira antes de dar o relevo ao seguinte. Os máis rápidos en terminar a proba adxudícanse o campionato.
Trátase de dúas das probas deportivas que reúnen un maior número de participantes neste deporte. Na pasada edición, competiron en terras castellonencas uns 2.500 triatletas repartidos en máis de 300 equipos e 24 escolas de tríatlon de toda España.