O último tren cara aos Xogos de Tokyo leva a Lydia Pérez ata Bulgaria

Pontevedra
04 de maio 2021

A deportista pontevedresa prepara xa en terreo búlgaro o Preolímpico Mundial que comeza este próximo xoves 6 de maio en Sofía, e que supón a súa última opción para tentar estar en Tokyo 

Lydia Pérez, nunha competición internacional en 2020 Federación Galega de Loita

Lydia Pérez Touriño leva xa uns días en Bulgaria preparándose para un reto maiúsculo, buscar a clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokyo.

A deportista pontevedresa participou desde o día 26 de abril nunha concentración da Selección Nacional na localidade de Samokov, na que afinou a súa posta a punto para o torneo Preolímpico Mundial de Loita que dará comezo o vindeiro mércores día 6 na capital búlgara, Sofía.

É o último e definitivo tren cara aos Xogos, e nel quérese subir a representante do Club de Loita Pontevedra tras a súa boa imaxe no clasificatorio europeo celebrado recentemente en Budapest no que foi eliminada pola Mariana Cherdivara nun apertado combate (2-1).

Para lograr o billete olímpico, Lydia Pérez deberá chegar á final do torneo en Sofía, nunha categoría de 62 quilos que ten previsto entrar en acción o vindeiro venres día 7.

Trátase da "cita máis importante do que vai de ano.... a última oportunidade para gañar o pasaporte a #Tokio2021", recoñeceu en redes sociais o seu club, o  Loita Pontevedra, mandándolle todos os ánimos posibles. Non estará soa no desafío, e é que con ela puido viaxar esta vez o seu adestrador, o tamén pontevedrés Marcos Miragaya.