O equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra está a un paso do ascenso a Primeira División Nacional despois de asinar un partido brillante superando o CW Murcia por 20-2 na piscina da Escola Naval de Marín.
As pontevedresas mostráronse nerviosas e imprecisas nos primeiros instantes, cometendo fallos para portería que se traduciron nun pequeno parcial de 3-0. Pero enseguida foron librándose desa presión que tiñan encima para demostrar que con empuxe e forza non teñen límites, e é que o bo traballo realizado ata o momento da tempada viuse reflectido na piscina e nun resultado de 8-1 ao descanso.
Na segunda metade seguiron intratables e continuou o festival de goles a favor. De feito, o Waterpolo Pontevedra culminou este partido de ida cun parcial de 12-1 que deixa encarrilado o obxectivo do ascenso cun resultado final de 20-2.
"Non nos esperabamos algo así, pensabamos en gañar pero non de tanta diferenza", confirmou o adestrador pontevedrés, Javi de Saa, despois do envite.
E é que se trata dun resultado que deixa practicamente encarrilado o ascenso do CW Pontevedra, que moi mal terá que facer as cousas no partido de volta para que o Murcia remonte un resultado tan avultado.
Pero aínda é un pouco pronto para cantar vitoria, e é que o cadro pontevedrés viaxará a terras murcianas a próxima fin de semana "con menos presión" e "sen confiarnos" pero coas ganas de facer un bo partido.