O xaponés Shohei Onodera, preparado para debutar co Tenis de Mesa Monte Porreiro

Pontevedra
14 de febreiro 2020

A recente incorporación do conxunto pontevedrés estrearase este domingo 16 de febreiro na Superdivisión masculina de tenis de mesa no encontro ante o Hispalis de Sevilla

Shohei Onodera e Nando Álvarez
Shohei Onodera e Nando Álvarez / Tenis de Mesa Monte Porreiro

Volve a competición despois de dúas semanas de parón á Superdivisión masculina de tenis de mesa e faino cunha xornada especial para o Visit Pontevedra.

O conxunto pontevedrés, que está a callar unha gran tempada no seu segundo ano na elite e marcha quinto na táboa, recibirá o domingo ás 11:00 no pavillón de Príncipe Felipe o Hispalis de Sevilla, décimo da táboa.

Será a ocasión de ver en acción por primeira vez á recente incorporación do Tenis de Mesa Monte Porreiro, o xaponés Shohei Onodera, de quen espera que achegue un salto de calidade ao equipo nos meses decisivos do campionato.

Ademais, confirmou a presenza no enfrontamento o seleccionador arxentino Gustavo Levisman, que esta semana se desprazou a Lisboa con motivo do Open de Portugal.

Pola súa banda, o equipo feminino de División de Honra desprazarase esta fin de semana a Vigo para visitar o Illas Cíes TM.