Poio acollerá o próximo mes de xuño "a mellor competición que pode haber", a Copa de España de Fútbol Sala Feminino.
A proposta presentada polo Poio Pescamar era a única recibida pola Real Federación Española de Fútbol, pero non foi ata agora cando o club vermello recibiu a noticación que fai oficial a noticia e que permitirá "desfrutar do mellor fútbol sala do mundo", sinalou Juanjo García, do 9 ao 11 de xuño.
Foi o propio presidente do club o que desvelou o acordo coa Federación aproveitando a recepción oficial ofrecida polo Concello de Poio tras a consecución da Copa Xunta, o seu primeiro título oficial.
Foi un título celebrado ao grande no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, tinguido de vermello para a ocasión pola cantidade de afeccionados de Poio que se achegaron a gozar e sufrir coas súas xogadoras. Agora, días despois e tras asimilalo, o equipo adestrado por Marcio Santos recibiu un recoñecemento oficial por parte de representantes do goberno local, con quenes brindou o plantel.
Trátase só da primeira marca no palmarés dun club que espera repetir este tipo de homenaxes no futuro e que agora se centra en concluír o máis arriba posible a liga e gozar coa que será a súa primeira participación na Copa de España, ademais como anifitrión, o que supón "unha honra", asegurou o alcalde sobre a organziación da prestixiosa competición, augurando que en Poio "estaremos á altura".
A liga descansa esta fin de semana na Primeira División Feminina, polo que o Poio Pescamar non volverá competir ata o sábado 13 de maio na pista do Majadahonda.