O deporte comarcal non escapa ao elevado nivel de contaxios por covid que se rexistra nas últimas semanas, o que provocou toda unha onda de aprazamentos na que debía de ser a primeira xornada do ano nas diferentes ligas e competicións, esta próxima fin de semana.
A Real Federación Galega de Fútbol por exemplo decidiu aprazar por completo a xornada prevista na Terceira RFEF "pola detección de numerosos positivos por covid-19 en varios dos equipos da categoría".
Á súa vez en Preferente son moitos os partidos que non se van a disputar, incluíndo tres dos seis previstos no Grupo Sur 2A, como son os choques Umia-Cambados, Gran Peña-Villalonga e Sanxenxo-Ribadumia.
Pola súa banda o Marín Peixe Galego anunciou a suspensión do partido da xornada 16 da Liga EBA que lle debía enfrontar ao Oviedo tras detectar positivos por coronavirus nas súas filas. "Todos se atopan en perfecto estado e cumprindo os protocolos determinados respecto do manexo da pandemia", sinala o club.
Esta situación tamén afecta á Copa da Raíña de Fútbol Sala, na que o Sala Zaragoza solicitou aprazar a súa eliminatoria de oitavos de final contra o Poio Pescamar ao detectar cinco contaxios entre plantel e corpo técnico.