Os equipos do Waterpolo Galaico non poden co CN Coruña na Supercopa Galega

Pontevedra
06 de outubro 2015

Tanto o equipo masculino como o feminino do club pontevedrés perderon as finais disputadas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva  

Final da Copa Galega Absoluta de Waterpolo entre Galaico e Coruña Diego Torrado

A Supercopa Galega supuxo a pasada fin de semana a bandeira de saída das competicións oficiais no waterpolo autonómico, con dobre presencia do Galaico.

Os equipo absolutos masculino e feminino do club pontevedrés afrontaron, sen excesiva fortuna, as finais deste torneo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ante o Club Natación Coruña.

Os mozos acusaron os seus erros durante o encontro, especialmente nas superioridades, nas que de 11 ocasións só materializaron un tanto.

Con todo o choque caracterizouse pola intensidade e a igualdade, pese a que no segundo cuarto os coruñeses chegaron a poñerse con vantaxe de 2-7.

Os pupilos de Javi de Sáa reaccionaron entón para chegar 6-8 ao periodo final, pero aí o CN Coruña mostrouse máis efectivo sentenciando co 6-11 definitivo.

Pola súa banda a final feminina decidiuse por pequenos detalles (3-5) con pouca efectividad atacante.

Adiantáronse as coruñesas no primeiro cuarto e tras un segundo periodo sen goles no terceiro as pontevedresas lograron a igualada. Todo se decidiu no parcial definitivo con dous goles das coruñesas.

Trala supercopa os equipos do Galaico céntranse xa en chegar nas mellores condicións posibles ao comezo de liga.