Os gladiadores pontevedreses poden con todo

Pontevedra
03 de xuño 2018

Éxito de participación na cuarta edición da Gladiator Race de Pontevedra, carreira de obstáculos que contaxiou este sábado de diversión, deporte e bo ambiente a  Illa das Esculturas

IV Gladiator Race na Illa das Esculturas Paula Sanmartín

Os pontevedreses teñen alma de gladiadores e nada pode paralos. Polo menos non o conseguiu o barro, auga, alambras ou as ramplas interminables que poboaban o percorrido da Gladiator Race.

A Illa das Esculturas encheuse este sábado de deporte, diversión e bo ambiente coa cuarta edición da popular carreira por obstáculos.

Case 2.000 deportistas (1.951) participaron nunha proba na que o importante era terminar, suando, cheos de barro ou axudados polos compañeiros de equipo.

A actividade comezou de mañá coa versión máis familiar da Gladiator Race, a Gladiator Kids, carreiras para menores de idade acompañados dos seus pais na que tomaron parte preto de 300 nenos e nenas.

Xa pola tarde chegaría a quenda dos auténticos aventureiros. Primeiro coas quendas da modalidade Warrior, a máis longa con 11 quilómetros e unha trintena de obstáculos na que o máis rápido en completar o percorrido foi Nolo Romero Vázquez  na categoría masculina cun tempo de 54 minutos e 45 segundos e Andrea Montero Martínez na categoría feminina  cunha hora, 14 minutos e 59 segundos.

Para finalizar, aínda faltaban a modalidade Rocket (6 quilómetros e 20 dificultades) na que os gañadores foron Jesús Montoto Vázquez en categoría masculina cunha marca de 34 minutos e 52 segundos e Mayra Martínez Castro en feminina, no seu caso, cun tempo de unha hora, un minuto e 30 segundos. 

Consulta aquí as clasificacións completas da IV Gladiator Race de Pontevedra.