Os sextos Xogos Paralímpicos de Juan Saavedra, ao virar a esquina

Pontevedra
20 de agosto 2024

O tirador pontevedrés competirá en París nos seus sextos Xogos Paralímpicos, nos que aspira a mellorar as medallas de prata e bronce conseguidas en Londres e Tokyo respectivamente

Juan Antonio Saavedra, durante unha competición Comité Paralímpico Español

Juan Antonio Saavedra conta xa as horas para competir nos que serán os seus sextos Xogos Paralímpicos, os de París 2024. Farao ademais coa ambición e a esperanza de pelexar pola que sería a súa terceira medalla, pero, cando e a que hora competirá o pontevedrés?.

A cerimonia de apertura dos Xogos terá lugar o próximo 28 de agosto, e Saavedra entrará en competición catro días despois.

O tirador pontevedrés estrearase en París 2024 na proba de carabina aire tendido 10 metros R3, fixada para o domingo 1 de setembro. As roldas clasificatorias disputaranse desde as 9.30 horas, mentres que a final está prevista para ese mesmo día ás 13.00 horas.

A súa segunda proba será a disciplina na que é dobre medallista olímpico (prata en Londres 2012 e bronce en Tokyo 2020), a carabina libre tendido 50 metros R6. Esta competición disputarase o xoves día 5 de setembro, coa clasificación ás 9.30 horas e final fixada ás 11.45.

Juan Saavedra debutou nuns Xogos Paralímpicos en Sydney 2000, e desde entón só perdeu a cita de Pequín 2008, estando presente en Atenas 2004, Londres 2012, Río 2016 e Tokyo 2020. Conta, ademais de con dúas medallas, con senllos diplomas conseguidos en Atenas 2004 (4º) e Sidney 2000 (8º).

Nesta ocasión, recoñeceu hai pouco nunha recepción brindada polo Concello de Pontevedra, "vou a por dous ouros, eu aspiro a todo", sinalou con ambición. Non en balde chega á cita como número 1 do ranking mundial.