Os 'vampiros', á caza de Javier Gómez Noya

Pontevedra
08 de febreiro 2017

O pentacampión mundial de tríatlon en distancia olímpica pasou este mércores o seu quinto control antidoping no que vai de ano, algo que como el mesmo recoñece supón "un record persoal". Gómez Noya prepárase para o inicio das Series Mundiais de tríatlon, que darán comezo a primeira fin de semana de marzo nos Emiratos Árabes

Javi Gómez Noya adestrando en Stellenbosch, Sudáfrica
Javi Gómez Noya adestrando en Stellenbosch, Sudáfrica /

Os organismos que loitan contra a dopaxe no deporte intensificaron este ano o seu control sobre o pentacampión do mundo de tríatlon en distancia olímpica, Javier Gómez Noya.

É polo menos o que reflicte a cantidade de veces que os 'vampiros' visitaron ao galego no que vai de ano, cando aínda está en plena pretempada. 

Gómez Noya pasou nada menos que cinco controles antidoping en apenas un mes, o último este mesmo mércores, o que supón, tal e como el mesmo recoñeceu en Twitter, un "record persoal".

Máis aló desta anécdota, o triatleta galego encara a recta final da súa preparación co obxectivo de chegar en plena forma ao comezo das Series Mundiais, a primeira fin de semana de marzo nos Emiratos Árabes, co reforzo moral que supuxo o seu triunfo no Ironman 70.3 de Dubai.

Nas Series Mundiais de Abu Dhabi, ademais de Gómez Noya, están inscritos algúns dos que serán os seus grandes rivais esta tempada, como os españois Mario Mola e Fernando Alarza, o francés Vincent Luís ou o surafricano Richard Murray. Os grandes ausentes serán os irmáns Brownlee, que non figuran na listaxe de saída da carreira.