Oumar Sidibé reforza o centro do campo do Arosa

O Salnés
03 de agosto 2016

O futbolista africano, ex de equipos como Pontevedra ou Deportivo B, incorporarase este mércores aos adestramentos do equipo tras rescindir o contrato que lle unía ao Boiro

Sidibé nun partido entre Deportivo B e Pontevedra Diego Torrado

Importante reforzo para o centro do campo do Arosa, ao facerse cos servizos de Oumar Sidibé.

O futbolista, natural de Burkina Faso, incorporarase este mércores á disciplina do equipo arlequinado no adestramento programado por Jorge Otero ás 20:00 horas no campo Manuel Jiménez.

Sidibé chega a Vilagarcía procedente do Boiro, recentemente ascendido a Segunda B, tras unha situación rocambolesca, xa que o club renovara o seu contrato semanas atrás e hai poucos días comunicoulle que debía buscar destino ao non contar con el.

Nese momento e sen perder tempo o Arosa púxose en contacto co futbolista, que contaba con máis propostas pero que terminou por decidirse pola máis próxima.

Antes do seu paso por Boiro Sidibé militou en equipos como o Pontevedra, Deportivo B ou Ribadumia.