Pablo Acebal, adestrador do Langreo: "Non imos coa idea de ir de excursión nin de tirar o partido"

Pontevedra
07 de febreiro 2025

O técnico sinalou que espera un Pontevedra que vai querer ser protagonista, con moitos rexistros e variantes, pero cre que Yago Iglesias "estará alerta xa que fóra da casa temos bos números"

Pablo Acebal, adestrador do Langreo
Pablo Acebal, adestrador do Langreo / UP Langreo

O Langreo visitará o vindeiro domingo 9 de febreiro o Estadio Municipal de Pasarón para medirse ao "mellor equipo da categoría", o Pontevedra Club de Fútbol.

O adestrador do cadro asturiano, Pablo Acebal, recoñeceu na rolda de prensa previa ao encontro que ao seu equipo espéralle "un partido moi complicado", pero insistiu en que "non imos coa idea de ir de excursión nin de tirar o partido, imos apurar as nosas opcións e a tentar rascar o que poidamos".

En todo caso, Acebal sinalou que espera un Pontevedra que vai querer ser protagonista, con moitos rexistros e variantes.

Tamén cre que Yago Iglesias non cambiará a súa idea nin o seu plan de partido en función do rival que lle toque cada fin de semana, pero si considera que "estará alerta xa que fóra da casa temos bos números".

O conxunto granate "quere ser protagonista, sométeche, ten moitos rexistros e variantes. Defensivamente son moi bo equipo, manexan ben as situacións de vixilancia tras a perda e son fortes no balón parado defensivo", valorou o adestrador do Langreo, quen considera que o seu equipo tamén ten virtudes e tratará de explotalas este domingo.

Para a cita, o equipo asturiano chega "xusto de xente por lesións e sancións".

A pesar diso, quere que os seus xogadores sexan estables e sigan sumando puntos ao longo da segunda para poder pensar na salvación.

Neste sentido, apuntou que a categoría é das máis inestables, por iso "non miramos para arriba. Vivimos situacións de estar en postos de play-off, entón sacas peito máis da conta, tes un mes malo e vésche abaixo", lamentou.