Pablo Dapena cóllelle o gusto ao tríatlon de media distancia e imponse no Valle de Buelna

Pontevedra
22 de agosto 2016

O triatleta pontevedrés venceu en Cantabria na que é a súa segunda vitoria na media distancia, tras o Campionato Galego celebrado en Sanxenxo. O seu próximo obxectivo, Guadalajara

Pablo Dapena tras vencer no tríatlon do Valle de Buelna Pablo Dapena

O seu paso ao tríatlon de media distancia, tras abandonar a alta competición en distancia olímpica, está a deparar bos resultados para Pablo Dapena.

O triatleta pontevedrés está a collerlle o gusto á distancia e, se nunha das súas primeiras carreiras impúxose no Campionato Galego disputado en Sanxenxo, agora sumou o seu segundo triunfo en Cantabria.

Dapena proclamouse vencedor no Valle de Buelna ao completar os 1,9 quilómetros de natación, 80 quilómetros de ciclismo e os 21 quilómetros de carreira a pé cun tempo de 3 horas, 51 minutos e 3 segundos, con case 10 minutos de vantaxe sobre Alejandro Santamaría.

A estes resultados únese o segundo posto que conseguiu recentemente no tríatlon de Vitoria-Gasteiz.

Tras esta proba Pablo Dapena xa pensa nos retos que quedan por afrontar esta tempada, empezando polo tríatlon de media distancia de Guadalajara. Ademais participará no Campionato de España en distancia olímpica de Banyoles.