O play-off de ascenso á Segunda División B centra gran parte dos focos de atención no Arosa, pero o club arlequinado traballa en máis frontes para tentar asentar o seu proxecto deportivo a medio prazo.
Neste sentido, a entidade presidida por Manolo Abalo presentou este venres ao que será novo director deportivo do seu fútbol base, un home cunha longa traxectoria en bancos a nivel comarcal e galego pero tamén internacional.
Trátase do cambadés Ángel 'Pacho' Oliveira, responsable a nivel técnico durante os últimos anos de equipos como o Juventud Cambados, o Sanxenxo ou a Selección Galega Sub-16, sen esquecer o seu periplo polo estranxeiro no Al Ittihad saudita ou en Liga Academy Egypt.