Acabaron as probas. O Pontevedra Club de Fútbol puxo fin á súa pretempada en Cangas nun encontro ante o Alondras de Terceira División que terminou como empezou, con empate sen goles.
Como se esperaba e o propio Luismi anunciara, a cita serviu para dar minutos a xogadores do filial e do equipo xuvenil, e tamén a algúns integrantes do primeiro equipo que menos puideron participar durante o verán, caso de Arruabarrena ou Álex González, ou que contan con poucas opcións de partir o sábado como titulares no debut ligueiro.
Así, o técnico presentou un once con Rubén Ualoloca, Josiño, Campillo, David Castro, Tavares; Jesús Barbeito, Javi López, Mouriño, Berrocal, Álex González e Arruabarrena. Deles, os que máis xogaron foron Jesús e Javi López (73 minutos), sancionado na liga.
Aínda con moita presenza de xogadores do primeiro plantel, os granates levaron a iniciativa durante os primeiros 45 minutos, aínda que sen acerto.
Con todo tras o descanso os numerosos cambios baixaron o nivel e o Alondras aproveitou para chegar ao área contraria e tentar levar o seu trofeo, obrigando a Ualoloca a intervir nalgunha ocasión.
Ao final 0-0 e o Trofeo Vila de Cangas tivo que decidirse desde o punto de penalti, sorte na que estivo máis acertado o club local.
O Pontevedra pon así punto e final ao período de preparación, no que non perdeu ningún encontro e apenas encaixou goles, e céntrase xa na primeira xornada de liga que xogará o vindeiro sábado 25 (19:00 horas) en Salamanca ante Unionistas.