Pedro Nimo e Paula Mayobre impóñense nunha +10 Marín de récord

Marín
29 de xullo 2018

Preto dun milleiro de atletas, entre mozos e maiores, participaron este sábado na proba popular que homenaxea ao marinense Manuel Rosales e que este ano tiña catalogación de Campionato Galego de 10 quilómetros

Carreira +10 Marín 2018 Diego Torrado

Preto dun milleiro de atletas, entre mozos e maiores, converteron este sábado nunha festa a carreira popular +10 Marín Manuel Rosales, batindo todos os seus rexistros de participación.

Despois das carreiras de menores celebrouse a proba absoluta, que este ano tiña catalogación de Campionato Galego de 10 quilómetros e que contaba con máis de 800 inscritos.

O vencedor na categoría masculina foi o compostelán Pedro Nimo cun tempo de 30 minutos e 58 segundos. Seguíronlle para completar o podio Esteban Iglesias e José Manuel Vieito superando no sprint ao vencedor do pasado ano, Antonio Serrat.

En canto á categoría feminina a gran protagonista foi Paula Mayobre ao vencer cunha marca de 33 minutos e 19 segundos, novo récord galego da distancia. Segunda foi Edymar Brea e terceira Joselyn Brea, aínda que non competían na clasificación do campionato autonómico.

Consulta aquí a clasificación completa da carreira +10 Marín Manuel Rosales.