Despois dun mes esgotador, con ata nove partidos para recuperar as tres xornadas aprazadas por un gromo de covid, o Dicsa Modular Cisne vive ao fin unha semana tranquila e completa de traballo, ata o seu próximo encontro.
Un pequeno respiro para o equipo pontevedrés, que saíu moi tocado desa xeira de partidos, cun só triunfo e afundido na última posición da táboa con 9 puntos.
A permanencia na máxima categoría parece case unha quimera, a 8 puntos de distancia cando só quedan 12 en xogo, pero os números deixan aberta unha mínima esperanza, aínda que pareza un imposible, e a iso agárrase un equipo que quere dar guerra e gozar ata o final do seu debut na máxima categoría nacional.
O tramo decisivo da competición, con seis encontros aínda por xogarse, empezará para o Cisne o vindeiro sábado 24 de abril no Pavillón Municipal dos Deportes recibindo o Atlético Valladolid (20.00 horas), décimo na táboa con 27 puntos.
Despois chegarán a visita á pista do Bidasoa (5 de maio) e encontros ante Benidorm na casa (8 de maio), Sinfín tamén no Municipal (15 de maio), Villa de Aranda fóra (22 de maio) e Puerto Sagunto na casa (29 de maio).
Só rozar o pleno daría serias opcións aos de Jabato, algo moi complicado tendo en conta a súa traxectoria e que na primeira volta sumou nesta serie 3 de 12 puntos posibles. Iso non quita que os cisneístas teñen a intención de vender moi cara a súa derrota, porque mentres hai vida, hai esperanza, por mínima que sexa.