Pibe por lesión e Javi López por sanción, baixas seguras do Pontevedra para o debut ligueiro

Pontevedra
21 de agosto 2018

O Estadio Municipal de Pasarón foi escenario este martes do primeiro adestramento da semana para os granates, que xa contan os días para estrearse o vindeiro sábado 25 de agosto en liga visitando o Unionistas de Salamanca. Pibe, único futbolista que traballou á marxe, descartado para a primeira xornada

Adestramento do Pontevedra en Pasarón
Adestramento do Pontevedra en Pasarón / PontevedraViva

O Pontevedra volveu este martes aos adestramentos na que é xa a primeira semana de competición oficial, pensando na estrea ligueira do próximo sábado 25 de agosto (19:00 horas) en Salamanca ante o Unionistas.

O Estadio Municipal de Pasarón foi escenario dunha sesión na que o único futbolista á marxe por lesión foi Pibe, recuperándose da escordadura que sufriu no choque da pasada semana en Betanzos. O extremo será baixa segura para o debut na liga, a pesar de que evoluciona positivamente e a súa lesión é de menor consideración do que se temía inicialmente.

Outros xogadores padecen algún tipo de molestia muscular típica da época estival, pero iso non debería ser  incoveniente para que Luismi inclúaos na primeira convocatoria oficial da tempada. É o caso por exemplo de Adrián León, que luciu en Pasarón unha aparatosa vendaxe no xemelgo pero traballando ao mesmo ritmo que os seus compañeiros, ou de Pedro Vázquez e Juan Barbeito.

O que tampouco estará en Salamanca con total seguridade será Javi López, tendo en conta que o centrocampista andaluz arrastra unha sanción por acumulación de amoestacións da última xornada do pasado curso, cando defendía as cores do Lleida.

O técnico granate traballa xa coa idea de presentar o mellor once posible ante Unionistas, e parece ter poucas dúbidas. Para despexalas aínda contará co amigable previsto para este mércores (20:00 horas) en Cangas ante o Alondras, aínda que será un partido no que terán especial protagonismo futbolistas do filial debido á proximidade da estrea ligueira. Tamén será un choque no está previsto que siga gozando de minutos Mikel Arruabarrena co obxectivo de avanzar na súa aclimatación ao equipo e á idea de xogo que quere desenvolver Luismi.