O plantel granate, nunha nube tras o ascenso: "É inesquecible. Foi unha tolemia de tempada"

Pontevedra
20 de abril 2025

"Máxica" ou "inesquecible" son algúns dos adxectivos cos que os xogadores do Pontevedra definen o ascenso a Primeira RFEF nun Pasarón entregado

Celebración do ascenso do Pontevedra en Pasarón
Celebración do ascenso do Pontevedra en Pasarón / Cristina Saiz

Son os grandes protagonistas do ascenso do Pontevedra Club de Fútbol a Primeira RFEF, e todos eles falan dunha "felicidade absoluta" tras conseguir o obxectivo marcado a principio de tempada e mesmo máis aló.

ÁLEX GONZÁLEZ

"Creo que desde hai dúas tempadas, que perdemos a categoría, para nós os que levamos aquí tempo era unha responsabilidade volver á categoría. O ano pasado non puido ser e levámonos unha desilusión xigante pero ao final todo chega e contentos con poder celebralo con toda esta xente", afirmou aínda desde o céspede o capitán do equipo, Álex González.

Todo nun ano "inesquecible", asegura, e é que "encheuse o estadio catro ou cinco veces, fíxose unha traxectoria na Copa incrible, fíxose un fútbol moi bonito, enganchouse á xente, á cidade". Por todo iso "só espero que esta semente que dure, que xermine", defendeu o 7 granate.

DALISSON DE ALMEIDA

Un dos nomes propios da tempada é sen dúbida o de Dalisson de Almeida, máximo goleador do plantel e futbolista diferencial.

"Levabamos moitísimo tempo traballando. Os que estabamos desde a tempada pasada levabamos sufrindo moito tempo e conseguimos resarcirnos", explicou o atacante sobre "unha tempada máxica. O que fixemos en Copa foi impresionante e o ascenso aquí na casa buscámolo pola nosa xente", asegurou.

YELKO PINO

"Felicidade absoluta" é a que aseguraba estar a vivir Yelko Pino.

Para o 10 "foi unha tolemia de tempada, moi difícil de superar", na que "creo que fomos un equipo estable e continuista todo o ano e estes son os resultados".

Yelko tivo palabras tamén cara a unha afección que "é o patrimonio deste club. Leváronnos polo aire cada partido que tivemos aquí. É unha afección exixente pero cando se lle necesita está aí, e agradecémosllo porque son fundamentais para nós", afirmou.

EDU SOUSA

Outro home importante no equipo granate é Edu Sousa, que declarou tras o ascenso estar "moi feliz, porque levamos dúas tempadas pelexando por isto, por devolver o pontevedra a Primeira RFEF, baseado nun estilo, nunhas crenzas, e non hai nada máis bonito que conseguilo así".

Para o gardameta "merecíano todos. Yago, o equipo, a cidade, a familia, todos".

BRAIS ABELENDA

Titular no último encontro foi tamén un Brais Abelenda que regresou a Pasarón no mercado invernal e que recoñeceu que "vin xusto para ascender e para estar o ano que vén en Primeira RFEF, así que moi contento".

"Sempre que se consegue un ascenso é moi especial, e espero que o ano que vén poidamos difrutar e facer un bo ano"

Brais confía tamén en que "toda esta xente nos acompañe a tempada que vén e poder devolverlles o agarimo", afirmou en plena celebración do equipo sobe o céspede.