A XXIII edición da Copa de España de fútbol sala feminino empeza a facerse notar xa en Poio, a escasos días de que o balón empece a rodar no pavillón da Seca.
Alí reuniranse os oito mellores equipos do país e entre eles estará un ilusionado Poio Pescamar, anfitrión que chega á cita coa ambición de chegar á final do próximo domingo, aínda que antes as vermellas deberán superar na primeira xornada, o venres día 9, ao AD Alcorcón nos cuartos de final.
Trátase do "mellor espectáculo que se pode vivir hoxe en día" no fútbol sala feminino, recalcou Juanjo García, presidente do Poio Pescamar, na presentación oficial da competición acompañado do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, a concelleira de Deportes, Marga Caldas, e o responsable territorial de deportes na Xunta, Daniel Benavides.
O pavillón da Seca quedará pequeno para a ocasión, e é que salvo para o primeiro partido do torneo, previsto á primeira hora da mañá do venres, prevese un cheo absoluto nas bancadas con máis de 400 espectadores en cada un dos encontros.
Ademais o Concello ten en previsión instalar unha pantalla xigante no campo de fútbol de herba natural, á beira do pavillón, para a final do domingo no caso de que logre clasificarse o club local, aproveitando que tanto semifinais como o partido polo título poderán seguirse en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia.
A Copa de España levantará o pano o venres cunha maratoniana xornada de cuartos de final, no que se xogarán o Majadahonda-Futsi Atlético de Madrid (10:00 horas), Jimbee Roldán-Universidad Alicante (12:00 horas), Ourense Envialia-Burela (18:00 horas) e Poio Pescamar-AD Alcorcón (20:00 horas).
Pola súa banda as semifinais disputaranse o sábado (18:00 e 20:00 horas) e a gran final o domingo 11 de xuño (12:00 horas).