O Poio Pescamar blinda a Martita dúas tempadas máis e despide a Noelia Montoro

Poio
01 de xullo 2026

Coa súa renovación, a coruñesa consolídase como a xogadora con máis campañas seguidas no plantel actual, mentres que Noelia despídese tras un curso no que anotou 10 goles e deu 4 asistencias

Partido de liga entre Poio Pescamar e Ourense Ontime na Seca

O Poio Pescamar segue perfilando o seu plantel de cara á próxima tempada confirmando a renovación de Martita e a despedida de Noelia Montoro.

Tras anunciar a continuidade das capitás Ale de Paz e Elena, o conxunto vermello asegura a outro dos alicerces do vestiario por dous anos máis.

Trátase da coruñesa Martita, que cumprirá a súa sexta e sétima tempada consecutiva no equipo, consolidándose como a xogadora con máis campañas seguidas no plantel actual.

Con 172 partidos oficiais, xa figura como unha das futbolistas con máis encontros en Primeira División coa elástica conserveira.

A pesar de actuar como peche, a súa achega ofensiva foi crecendo curso tras curso, acumulando un total de 32 goles e 19 asistencias.

Na última tempada volveu ser unha peza crave con 36 partidos xogados dos cales 30 xogou como titular. Martita anotou 10 goles e deu 4 asistencias.

O seu rendemento no Poio Pescamar permitiulle asentarse tamén na selección española, coa que logrou o bronce no Mundial de Filipinas a finais de 2025.

No capítulo de saídas, o club comunicou a marcha da peche murciana Noelia Montoro, que pon fin á súa etapa en no equipo tras unha tempada.

A internacional española, tripla campioa de Europa e tamén bronce mundialista, pecha o seu paso polo conxunto vermello con 31 partidos disputados, 2 goles e 4 asistencias.