Ponte Caldelas estrea escudería automobilística

Ponte Caldelas
05 de xaneiro 2022

A recentemente creada escuadra estrearase en 2022 asumindo a organización da Subida a Ponte Caldelas, que terá lugar os días 3 e 4 de setembro

Reunión de Andrés Díaz coa recén creada Escudería Ponte Caldelas

A gran afección ao mundo do motor en Ponte Caldelas traduciuse na creación dunha nova escuadra de automobilismo.

A Escudería Ponte Caldelas nace coa intención de potenciar o deporte do motor no municipio e estréase asumindo a organización da Subida a Ponte Caldelas.

Esta proba, que terá lugar os días 3 e 4 de setembro, regresa ao calendario autonómico tras as súas suspensións os dous últimos anos debido á situación sanitaria e despois de completar catro edicións coa Escudería Buxa Motor detrás.

A Subida terá cambios en 2022, cun novo trazado de 12 quilómetros que achegará a súa saída ata o centro urbano.

"Esta escudería é resultado da gran afección ao mundo do motor que hai no noso concello", sinalou o alcalde do municipio, Andrés Díaz, tras reunirse coa directiva do club automobilístico que estará formada por Diego Rodríguez (presidente); José Luis Ucha (secretario), Diana Rivas (tesoureira), Ángel Boullosa (vogal) e Jesús Estévez (vogal).