Pontemuíños, centro de atención da natación española por segundo día

Pontevedra
09 de abril 2017

Mireia Belmonte parece que lle colleu a medida á piscina olímpica de Pontemuíños. A nadadora catalá, gran estrela do campionato de España de natación que se está celebrando en Pontevedra, logrou este domingo o seu terceiro billete para os Mundiais de Budapest e fíxoo coa mellor marca mundial do ano nos 400 estilos

Segunda xornada do Campionato de España Open de natación en Pontemuíños
Segunda xornada do Campionato de España Open de natación en Pontemuíños / Diego Torrado

Mireia Belmonte parece que lle colleu a medida á piscina olímpica de Pontemuíños. A nadadora catalá, gran estrela do campionato de España de natación que se está celebrando en Pontevedra, logrou este domingo o seu terceiro billete para os Mundiais de Budapest e fíxoo coa mellor marca mundial do ano nos 400 estilos.

Esta foi unha das principais probas da segunda xornada destes campionatos que, un día máis, levaron a centos de persoas ás bancadas do complexo deportivo Rías do Sur.

A nadadora do UCAM Fuensanta, que de novo acaparou case todas as miradas, proclamouse campioa de España cun tempo de 4:35.01 minutos, case catro segundos por baixo da mínima mundialista.

Ata o momento só Mireia Belmonte -que xa logrou a mínima o sábado na 200 bolboreta e nos 800 libres- e Jessica Vall, que logrou praza mundialista na 100 braza con novo récord de España incluído, foron capaces de lograr en Pontevedra o billete para Budapest.

En canto á representación pontevedresa, seis foron os nadadores do Galaico que saltaron á piscina este domingo.

O mellor resultado foi o de Águeda Cons nos 200 metros libres. quedou fóra da final nas series matinais, pero gañou a final B cun tempo de 2:03.80. Na mesma proba, Bea Gómez Cortés -que pola mañá nadou máis rápida que a súa compañeira- xa non competíu pola tarde ao non entrar na final A; e Paula Goyanes quedou eliminada nas series.

Pola súa banda, Clara Otero foi cuarta na final C dos 50 metros costas, tras completar a proba en 00:31.08; Daniel Sánchez foi sexto na final B da categoría masculina desta mesma proba con 00:27.39 segundos e Marc Ciurana non pasou das series nos 400 estilos.

Consulta aquí todos os resultados do Campionato de España Absoluto Open de Primavera de Natación.