Vibrante cuarta e última xornada de competición no Campionato de España Absoluto Open de Primavera de Natación no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños.
Ademais de gozar dunha nova exhibición da 'raíña' da natación española, Mireia Belmonte, a bancada viviu con emoción a medalla de bronce conseguida pola pontevedresa Águeda Cons nos 400 libre. A nadadora do Galaico, aínda en idade junior, foi de menos a máis na proba para pelexar ata o final pola segunda posición coa portuguesa Diana Duraes. Ao final quedou a só catro centésimas da prata, o que non embaza en absoluto a súa grande actuación batendo ademais a súa mellor marca persoal na distancia (4:13.83).
Águeda, que este luns conseguiu a mínima europea junior nos 1.500 libre, xa se clasificara no recente Campionato de España Junior para o Mundial da categoría, que se celebrará no verán en Indianápolis (EEUU).
A gañadora nos 400 libre foi Mireia Belmonte (UCAM), conseguindo a súa sexta medalla de ouro do campionato e a súa sexta mínima mundialista (4:06.77), pleno absoluto en todas as probas nas que competiu en Pontevedra cumprindo o obxectivo que se marcou.
A outra protagonista da xornada foi Jéssica Vall (CN Sant Andreu), logrando a súa segunda marca mínima para o Mundial de Budapest nos 200 braza, proba que dominou de principio a fin (2:25.17).
Notable foi tamén o resultado do resto de nadadores do Galaico pontevedrés, con Marc Ciurana concluíndo oitavo na final B da 200 braza (2:24.45). Tamén Paula Goyanes nadou a final B, no seu caso dos 400 libre, sendo terceira (4:22.11). Ademais Daniel Sánchez foi cuarto na final C das 100 costas (59.53), mentres Clara Otero non pasou das eliminatorias nas 100 costas (1:07.80) do mesmo xeito que Lara Gómez Cortés nos 400 libre (4:30.49).