A terceira xornada do Campionato de España Absoluto Open de Primavera de Natación que se está disputando na piscina olímpica de Pontemuiños deixou unha grata noticia para o Galaico, a marca mínima conseguida por Águeda Cons para o Europeo Junior de Netanya (Israel).
Fíxoo Águeda na proba que pechaba a xornada, os 1.500 libre, sendo cuarta (terceira española) cun tempo de 16:42.79 e saíndo da auga cun sorriso que contrasta coas súas sensacións tras o 800 na xornada inaugural "en el que había llevado un chasco", recoñeceu trala proba.
Na mesma disciplina vivíronse dúas mínimas para o Mundial Absoluto de Budapest, a de Jimena Pérez (16:19.15) que foi segunda e a dunha Mireia Belmonte que logrou a mellor marca mundial do ano (16:08.73), o seu quinto billete mundialista e tamén a súa quinta medalla de ouro no Open.
A campioa olímpica tamén se impuxo este luns nos 200 estilos (2:12.52), logrando a mínima para Budapest por unha soa centésima. Nesa final estaba Bea Gómez Cortés, sétima (2:16.84), pero que finalizou "contenta porque lo he dado todo, aunque no me ha salido la marca que me gustaría", recoñeceu en relación á falta de adestramento derivado dos problemas físicos que arrastra. "Ahora voy a recuperarme de salud que es lo primero y después a ver si consigo ponerme pronto al nivel que creo que puedo estar", sinalou a pontevedresa unha vez concluída a súa participación no Open.
Tamén competiu este luns Marc Ciurana nos 200 estilos masculinos, no que concluíu no posto 26 (2:13.72), completando a representación do Galaico, no 1.500 libre feminino, Paula Goyanes (17:05.39) e Lara Gómez Cortés (17:23.46), acabando no posto 12 e 16 respectivamente.
O Open de Primavera vivirá este martes a súa cuarta e última xornada de competición no Complexo Deportivo Rías do Sur.