O Pontevedra atáscase ante o Arenteiro

Pontevedra
17 de xaneiro 2026
Actualizado: 19:19

Os granates asinan un partido espeso e sen ritmo en Pasarón, onde só puideron rescatar un punto tras un duelo soporífero, infestado de erros e cun Alvin decisivo nos minutos finais (1-1)

Partido entre Pontevedra CF e Arenteiro en Pasarón

Partido insulso, espeso, sen ritmo e con moitos erros o vivido esta tarde de sábado entre Pontevedra Club de Fútbol e Arenteiro en Pasarón.

Aos granates, que viñan facendo un xogo de dez até a data, custoulles sangue, suor e bágoas dar un pase ao dereito e, cando trataron de reaccionar en busca do triunfo, apareceu Alvin baixo paus para evitalo e cortar o refacho de cinco triunfos consecutivos gañando.

O primeiro susto do partido chegou cando apenas se cumpriron o tres minutos. Cuéllar aproveitou un erro de Alain en defensa para roubarlle o balón, penetrouse na área e centrou para Mingo, que rematou moi mal e enviou o balón pola liña de fondo.

Pouco despois, un choque de cabezas entre Eimil e Lluís Llácer, que tivo que retirarse en ambulancia, obrigou ao Arenteiro a facer o seu primeiro cambio, entrando no seu lugar Dani González antes do cuarto de hora de xogo.

Despois diso, o partido volveuse soporífero. O Pontevedra non daba un pase ao dereito e o Arenteiro, por máis que tentaba aproveitar os erros dos granates, non lograban trenzar xogadas claras coas que xerar perigo en área rival.

A máis clara, de feito, chegou no minuto 22. Marqueta despexou de cabeza moi lonxe da súa portaría, o balón caeu nos pés de Dani González, que rematou desde medio campo e estivo a piques de sorprender á parroquia granate.

Seguiu correndo o cronómetro chegou a acción que deixou xeados aos locais. Yelko cometeu unha falta ao bordo da área que se saldou con amarela e Jordan sorprendeu cun disparo raso á dereita de Marqueta, anotando o 0-1.

Tras o tanto rival, os de Rubén Domínguez por fin reaccionaron e empezaron a acumular ocasión tras ocasión en portaría rival.

O primeiro aviso, tras un pase de Vido desde campo propio que superou todas as liñas até conectar con Resende na esquerda. O portugués tratou de buscar oco para disparar, pero fíxoselle tarde e a defensa rexeitou, Compa cazou o balón, pero o seu disparo atallouno Alvin.

Uns segundos despois, o Pontevedra si que non perdoou. Yelko abriu á esquerda, Resede tirou e o gardameta visitante rexeitou, o balón chegoulle chovido a Eimil, que rematou como puido ao interior da rede para subir o 1-1 ao marcador.

Coas táboas no luminoso, os locais continuaron asediando a área rival cunha gran xogada que Compa rematou fóra, e unha última que Expo enviou ao lateral da portaría.

Despois do paso polos vestiarios, os granates tardaron 15 minutos en chegar con perigo a área rival, pero o remate de Expo, tras un gran pase de Yelko, foise alto.

Desapareceu entón o Pontevedra e o Arenteiro aproveitou para dar un paso adiante en busca do segundo tanto. E puido conseguilo o conxunto do Carballiño despois de dous erros clamorosos por parte de Miki e Tiago.

No primeiro, Adilson rouboulle o balón ao 4, cedeu para Mingo no dous contra dous coa defensa granate, pero xutou por arriba. Pouco despois, Bastida rouboulle a carteira a Tiago e cedeu a Cuéllar, que se ía plantar practicamente só ante Marqueta cando o 24 arroiouno, vendo cartón amarelo. Os visitantes pediron revisión por posible vermella, pero o colexiado mostrouna.

Entraba o partido nos seus minutos críticos, pero os granates non conseguían dar coa tecla para bater a Alvin, que interviña de maneira providencial na recta final do encontro para evitar o tanto de Yelko.

Finalmente, o Pontevedra tívose que conformar con sumar un punto que pon fin ao refacho de cinco triunfos consecutivos que levaba até a data.

PONTEVEDRA CF (1): Marqueta, Eimil (Luisao, min. 68), Expo, Miki Bosch, Alain Ribeiro, Yelko, Resende (Brais, min. 83), Vidorreta, Compa, Montoro e Tiago (Alberto Gil, min. 83).

CD ARENTEIRO (1): Alvin, Luca, Eliseo, Brais Val, Cuéllar (Alpha, min. 78), Adilson (Julen, min. 70), Diego, Mingo (Nacho, min. 90+2), Lluís Llácer (Dani, min. 13), Jordan e Bastida.

Árbitro: Guillermo Cueto (Castela e León), auxiliado nas bandas por Javier López e Gonzalo Gómez e Jesús López como cuarto árbitro. Amoestou a Yelko (33'), Tiago (72') e a Alberto Gil (90+1'), Luisao (90+3) no Pontevedra e a Diego (45+5') no Arenteiro.

Goles: 0-1, Jordan, min. 35. 1-1, Eimil, min. 38.

Incidencias: Partido da xornada 20 de liga de Primeira RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 3.119 espectadores.